Tormenta de ideas TIC para a accesibilidade
A Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE) abriu hoxe a programación do Proxecto EmprendeTIC 2010 coa celebración en Lugo da xornada "Tecnoloxía: Ferramenta para a integración", coorganizada con Cogami. Con sete relatorios e coas demostracións prácticas de equipos adaptados, os máis de cen asistentes puideron tomar nota de produtos e servizos tecnolóxicos que permiten que as persoas con discapacidade dispoñan dunha maior accesibilidade na empresa e no fogar e tamén para disfrutar do lecer.
A xornada tivo como escenario o salón de actos da facultade de Humanidades e arrincou cunha presentación institucional na que interviron o presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla; o presidente de Cogami Galicia, Anxo Queiruga Vila; o vicerreitor do campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o director do Proxecto InnovaTE da Deputación, José Enrique Rodríguez Coello; a concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela González; e a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella.
Na sesión matutina foron catro os relatorios. Primeiramente, o subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal, Modesto Rouco Vilar, informou dos incentivos públicos para a implantación de medidas de accesibilidade e doutras medidas de acción positiva para o fomento da accesibilidade que ten a Administración autonómica. Pola súa parte, Enrique Varela Couceiro, presidente da Fundación Tecnología Social, expuxo en Lugo por primeira vez a iniciativa "O Camiño dos Satélites", un conxunto de accións coas que fan posible que as persoas con discapacidade realicen o Camiño de Santiago (con audioguías, itinerario guiado por GPS, roupa e calzado tecnolóxico...). A continuación, a terapeuta ocupacional de Cogami, Cristina Novo Díaz, deu unha visión da súa experiencia cotiá cos traballadores con discapacidade da aula de novas tecnoloxías do centro de Fingoi. As dúas charlas que pecharon a xornada de mañá serviron para explicar os proxectos de integración sociolaboral das persoas con discapacidade que están impulsando a Fundación Orange (Proxecto INTIC) e a Fundación Vodafone (Proxecto Inredis).
A tarde empezou coa quenda de Manuel Meijide, patrono da Fundación Averhó, unha institución dedicada á formación especializada de mozos con discapacidade por mobilidade restrinxida para a súa incorporación laboral nos sectores audiovisual e das novas tecnoloxías. Sucedeuno Gil Barrero Llano, xerente de Sistemas Adaptados para Mobilidade e Independencia e delegado na zona noroeste de BJ Adaptaciones, quen compartiu co auditorio as solucións integrais que fabrican e/ou distribúen as firmas entre este colectivo.
O sorteo entre o público dun netbook con software adaptado, patrocinado por SCA Informática, clausurou esta primeira xornada do ETIC 2010.
Demostracións en directo
Durante o día permaneceron instalados no contorno do salón de plenarios equipos informáticos adaptados e equipos cun hardware ordinario cargados con software de accesibilidade, atendidos por un técnico especializado de Cogami e polo consultor tecnolóxico da SITE. Ademais, a empresa BJ Adaptaciones tivo estand propio para ensinar o seu catálogo de produtos e servizos.
Fonte: Fundación CEL

