AGESTIC

Benvida

José María López Bourio

Cando a finais de 2003, un grupo de empresarios galegos do sector das tecnoloxías de información e comunicación, decidimos poñer en marcha AGESTIC, fixémolo dende o convencemento de que o crecemento do sector facía necesario estar unidos para afrontar en mellores condicións os retos de futuro.

É evidente que as tecnoloxías de información e comunicación, son o grande motor de modernización da nosa sociedade, polo tanto empresas, organizacións, entidades financeiras, institucións, administracións públicas e cidadáns non permanecen á marxe da súa evolución.

Neste contexto, os empresarios galegos agrupados en AGESTIC, co noso traballo diario, co esforzo e a imaxinación, que nos dá o feito de ser actores principais do sector, participamos nunha importante tarefa colectiva de mellora da competitividade e de calidade de vida de miles dos nosos concidadáns.

O servizo ás empresas e á sociedade galega, preside pois a nosa actividade, en AGESTIC están profesionais e empresarios dispostos a realizar o esforzo necesario para posicionar a nosa Comunidade Autónoma nos primeiros postos en canto ao uso das tecnoloxías de información e comunicación, conscientes de que a modernización do tecido produtivo e da sociedade de Galicia, dependen da evolución positiva deste sector.

Dende AGESTIC defendemos os intereses das empresas galegas, e nesta tarefa ofrecemos ao Goberno da Xunta de Galicia a nosa colaboración, ao mesmo tempo que lle pedimos que realice os esforzos necesarios, para alentar as iniciativas sectoriais, propiciando a extensión da banda ancha a todos os recantos de Galicia, como unha infraestrutura imprescindible, non só para que o sector poida crecer, senón tamén para promover a utilización das novas tecnoloxías por todos os cidadáns galegos.

JOSÉ MARÍA LÓPEZ BOURIO - Presidente de AGESTIC