AGESTIC

¿Dúbidas relacionadas coa propiedade industrial? Acude ao SEGAPI

segapi

Un dos medios dos que dispoñen as PEMES para poñer en valor a súa actividade innovadora e impulsar a súa competitividade é unha xestión eficaz da propiedade industrial. A Axencia Galega de Innovación ofrécelles apoio de distintas formas a través do Servizo Galego de Propiedade Industrial (SEGAPI):

• ofrece información en materia de propiedade industrial e sobre a súa integración como etapa clave nos procesos de innovación

• actúa como oficina de recepción e exame formal das solicitudes que, nesta materia, se presenten na Comunidade Autónoma de Galicia

• presta servizos relacionados coa utilización da propiedade industrial

Entre os servizos que o SEGAPI proporciona podemos destacar, en primeiro lugar, a atención a consultas e dúbidas relacionadas coa propiedade industrial –en 2013 atendeu 1.534 consultas sobre as distintas modalidades de protección-.

En segundo lugar, o SEGAPI inicia a tramitación das solicitudes presentadas por terceiros en relación cos distintos trámites asociados aos procedementos de solicitudes de novos títulos de propiedade industrial ou de renovacións, transmisións ou defensa de títulos existentes, tanto nacionais como internacionais, para posteriormente remitir todas estas solicitudes, con todo o actuado, á OEPM para que continúe coa súa tramitación ata a resolución final. No ano 2013, o SEGAPI realizou 379 trámites deste tipo.

Outro servizo consiste en recepcionar e remitir á OEPM as solicitudes de servizos de información tecnolóxica(publicacións, fondos documentais e bases de datos) feitas á OEPM por terceiros. O SEGAPI expide certificados oficiais de explotación, que sexan solicitados por terceiros, titulares ou licenciatarios dunha invención protexida (mediante patente ou modelo de utilidade) que estea sendo explotada nalgún centro produtivo da Comunidade autónoma galega.

Así mesmo, o SEGAPI organiza xornadas orientadas á difusión, formación e publicidade en materia de propiedade industrial e xestiona as convocatorias de axudas da Axencia Galega de Innovación vinculadas á innovación. Podes obter máis información na sección destinada ao SEGAPI na web de GAIN, nos teléfonos 981.95.73.90 e 981.95.73.91 ou por correo electrónico: infosegapi.gain@xunta.es