AGESTIC

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo apoia con 630.000 euros a incorporación das pemes galegas ao comercio electrónico

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da entidade Red.es, pon en marcha o terceiro Programa de mentoring en comercio electrónico, unha convocatoria pública para a concesión de axudas económicas que teñen como obxectivo impulsar a actividade de comercio electrónico das pequenas e medianas empresas.

Este programa desenvólvese en Galicia en colaboración coa Xunta, a través da Axencia de Modernización Tecnolóxica e Galicia (Amtega). A contía total das axudas ascende a 18,06 millóns de euros. Galicia está entre as comunidades que poden solicitalas e o investimento específico para a nosa comunicade é de 630.000 euros e estímanse uns 42 beneficiarios. Lotes de axudas O programa establece dúas liñas de actuación.

A primeira ofrece servizos de asesoramento especializados e individualizados en materia de comercio electrónico, a través da asesoría personalizada por profesionais expertos do sector, homologados previamente por Red.es, que subvencionará o 80% do custo da actuación (impostos indirectos excluídos) ata un máximo de 5.000 euros por beneficiario. A segunda liña establece a concesión de axudas para a implantación de solucións e servizos tecnolóxicos de comercio electrónico, que contribúan á venda dos produtos e prestacións do beneficiario a través de internet.

Red.es achegará o 80% do total dos gastos subvencionables do proxecto de implantación de solucións e servizos tecnolóxicos de comercio electrónico (impostos indirectos excluídos), ata un máximo de 10.000 euros por beneficiario. Este poderá contratar o provedor que desexe, sen ter a obriga de seleccionar, para a execución deste segundo lote, unha das entidades colaboradoras correspondentes ao lote I. Presentación de solicitudes O prazo de presentación de solicitudes divídese en dúas fases: a fase I, de presentación de formularios de solicitude, que remata o 9 de setembro; e a fase II, para a presentación dos ficheiros adxuntos, que finaliza o 23 dese mesmo mes. O prazo de presentación de propostas do lote II será de 30 días naturais a contar desde o día seguinte á data de publicación da resolución de beneficiarios no Boletín Oficial do Estado.

Os interesados poden atopar máis información no seguinte enlace

O 'Mentoring' como ferramenta de traballo O chamado ‘Mentoring’ é unha técnica de asesoramento que consiste en que unha persoa (mentor) transfire a outra os seus coñecementos e experiencias nunha materia ou tema determinado, neste caso, sobre comercio electrónico. Esta ferramenta está destinada a desenvolver o potencial das persoas ou pemes, baseada na transferencia de coñecementos e na aprendizaxe a través da experiencia. Todo iso nun proceso individualizado e relación persoal entre o mentor que guía e o receptor.

Para seleccionar ás entidades colaboradoras que prestarán os servizos de ‘mentoring’ ás pemes beneficiarias, Rede.es publicou as correspondentes invitacións públicas. Cada peme beneficiaria seleccionará a entidade colaboradora homologada que prestará os servizos de asesoramento.