AGESTIC

Un seminario impulsado polo CDTIC abordará as vantaxes que ofrece o software libre para as empresas

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá os vindeiros días 11 e 13 de xuño o seminario “Software libre e licenciamento” que se impartirá en horario de 10.00 a 14.00 horas.

O programa destas dúas xornadas inclúe, entre outros temas, a explicación do concepto de software libre, así como de terminoloxía relacionada con el (open source, fontes abertas, floss...); as licenzas libres e os seus tipos; as motivacións, vantaxes e desvantaxes de liberar o software; a elección e a aplicación dunha licenza; as comunidades de software libre; ou os xeitos de gañar diñeiro con este tipo de software.

O seminario está especialmente pensado para o persoal directivo e os responsables ou técnicos de empresas TIC galegas. Os seus obxectivos principais son, por unha banda, amosar unha visión práctica sobre a liberación de software e, por outra, dar resposta ás principais preguntas ás que se enfronta quen se achega por primeira vez ao software libre, como as razóns para liberar o software, o xeito de facelo correctamente, onde atopar axuda, cando e onde liberalo ou se se poden obter beneficios co software libre.

A encargada de impartir este seminario será Mar Castro Pereiro, licenciada en Informática pola Universidade da Coruña e consultora especializada en software libre na empresa Igalia. Como xestionar un proxecto de software libre Ademais deste seminario sobre software libre e licenciamento, o CDTIC ten programada para os días 19 e 20 de xuño outra actividade formativa que leva por título “Xestión dun proxecto de software libre” na que se mostrarán as ferramentas para xestionar proxectos open source.