AGESTIC

Seminario sobre "Xestión de proxectos con metodoloxías áxiles" no CNTG de Santiago

Organizado polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar, o vindeiro día 11 de abril, luns, de 9:30 a 13:30 horas, terá lugar no salón de actos do CNTG un seminario sobre xestión de proxectos con metodoloxías áxiles, xestión tradicional vs xestión áxil. Unha crenza habitual consiste en que “as metodoloxías áxiles só serven para desenvolver software”. A realidade é que estas metodoloxías van máis aló.

No axilismo hai principios, técnicas, marcos de traballo etc ... que poden aplicarse a proxectos de desenvolvemento pero tamén a outros tipos de traballo e tarefas en diferentes contornas e sectores e que nos permiten escoller que aplicar en cada situación segundo a tipoloxía do produto que estamos a crear, segundo o equipo do que dispoñemos, segundo a contorna na que estamos localizados etc ...

Durante a xornada veremos a diferenza entre a xestión tradicional e a xestión áxil, facendo un repaso de cada unha delas e coñecendo as principais técnicas áxiles (Scrum, Kanban, Visual Management, Lean ...) e cando e como aplicalas.

O relator da xornada será Miquel Rodríguez, director de formación e mentoring da empresa NetMind e con ampla experiencia no eido da formación e a consultoría. Miquel Rodríguez é enxeñeiro en informática de sistemas pola UAB e ten realizado un máster en IT Management e un Executive MBA pola universidade de La Salle. Está en posesión das principais certificacións en xestión de proxectos e gobernanza, entre elas, PMP, Prince2 practitioner, ITIL, CSM e SAFe Certified.

O acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local. O acceso ao salón de actos para aquelas persoas NON inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento.

Para consultar os contidos a tratar e/u inscribirse no seminario, prema na seguinte ligazón: https://cntg.xunta.es/web/cnt/acontecimientos

Se está interesado en participar neste seminario e non pode desprazarse a Santiago, pode acudir a súa aula CeMIT máis cercana (http://cemit.xunta.es/) e solicitar a súa participación vía videoconferencia. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 10 de abril.

O acceso ao salón de actos para aquelas persoas NON inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento.