AGESTIC

Subvencións para o apoio ao emprendemento feminino (Programa Emega)

Organismo: Secretaría Xeral da Igualdade Xunta de Galicia

Orzamento: 687.500 euros, cofinanciado ao 80% polo Fondo Social Europeo do Programa Operativo FSE-Galicia 2007-2013 (eixo 2 tema prioritario 69).

Descrición: o programa Emega, é un programa de estímulo ás mulleres emprendedoras, apoiándoas mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se establezan como empresarias e deste xeito acaden a súa propia promoción e contribúan á creación de postos de traballo. Nesta convocatoria o programa modifícase para adaptarse ás necesidades especiais que a situación económica demanda ampliando o campo de actuación e flexibilizando os requisitos para participar nel, posto que o obxectivo básico é posibilitar que as mulleres emprendedoras se integren no sector produtivo poñendo en marcha as súas iniciativas empresariais, ao tempo que se pretende a consolidación das xa establecidas fomentando principalmente a súa capacitación, especialización e formación en tecnoloxías avanzadas cara a mellora da súa competitividade. Para cumprir este obxectivo o programa prevé axudas específicas para implantar nas empresas novas formas de organización do traballo coas que aplicar novas habilidades técnicas e de xestión, de emprego dos tempos e de desenvolvemento sustentable no emprego dos recursos; en definitiva, que se doten de ferramentas axeitadas para proporcionar flexibilidade na execución do traballo e así ampliar o abano de posibilidades de integración no tecido produtivo á fronte das súas empresas con vocación e garantías de permanencia.

Áreas de actuación:

ÁREA DE ACTUACIÓN I

Apoio á posta en marcha de iniciativas empresariais por mulleres en forma de primas básicas ao emprendemento, a través dunha achega económica que sirva de compensación ao esforzo económico do primeiro período de actividade e de estímulo para a creación de emprego femenino por conta allea.

Beneficiarias: As mulleres que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que creen o seu propio posto de traballo, partindo dunha situación de desemprego ou inactividade por un período mínimo de tres meses anterior ao día primeiro do mes de inicio de actividade, establecéndose como empresarias autónomas ou sociedades unipersoais.

b) Que constitúan microempresas ou pequenas empresas, baixo calquera forma societaria, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens, sempre que:

  • Se creen na empresa os postos de traballo de todas as socias ou emprendedoras.
  • Polo menos o 50% das mulleres que constitúen a empresa estivesen en situación de desemprego ou inactividade por un período mínimo de tres meses anterior ao día primeiro do mes de inicio de actividade.
  • A administración sexa exercida unicamente por mulleres.
  • O capital social pertenza unicamente a mulleres cando se trate de microempresas, ou que mayoritariamente estea subscrito por mulleres no caso de pequenas empresas.

c) Que o inicio da actividade empresarial teña lugar entre o 1 de setembro de 2009 e a data de finalización de prazo de presentación de solicitudes.

Para estes efectos, computarase a data de alta da actividade no IAE ou da declaración censal (no caso de varias actividades terase como referencia a da actividade principal) que terá que coincidir no mesmo mes en que se formalice a alta das promotoras no réxime da seguridade social ou mutualidade profesional que corresponda. Con carácter excepcional e sempre que exista causa razoada, entenderase que se cumpre este requisito cando polo menos a metade das socias causen alta no mes en que se produza a alta fiscal da empresa e o resto con anterioridade ao 31 de outubro de 2011.

d) Que realicen un investimento mínimo de 6.000 euros, segundo a letra A) do anexo III (memoria económica-investimentos), deducido o importe correspondente á provisión de fondos. Quedan exceptuadas do cumprimento deste requisito as iniciativas para a posta en marcha de empresas dedicadas á prestación de servizos de conciliación.

e) Que realicen as actuacións obxecto de subvención e cumpran os demais requisitos e obrigas establecidas.

f) Que non recibisen con anterioridade axuda dos programas Emega para creación de empresas.

Axudas:

Achega económica, para a que se establecen as seguintes contías en función do emprego xerado:

a) Prima de 8.000 euros cando se trate de empresarias autónomas ou sociedades formadas por unha ou dúas mulleres.

b) Prima de 10.000 euros cando se trate de sociedades formadas por tres ou catro mulleres. c) Prima de 12.000 euros cando se trate de sociedades formadas por cinco ou seis mulleres. d) Prima de 14.000 euros cando se trate de sociedades formadas por mais de seis mulleres. e) Prima de 16.000 euros para empresas que creen un posto de traballo por conta allea de carácter indefinido para mulleres.

f) Prima de 18.000 euros para empresas que creen dous postos de traballo por conta allea de carácter indefinido para mulleres.

g) Prima de 20.000 euros para empresas que creen máis de dous postos de traballo por conta allea de carácter indefinido para mulleres.

h) Prima de 25.000 euros para empresas que creen máis de dous postos de traballo por conta allea de carácter indefinido para mulleres e que, polo menos, un deles sexa a tempo completo.

i) Prima de 30.000 euros para empresas que creen máis de dous postos de traballo por conta allea de carácter indefinido a tempo completo para mulleres desempregadas de longa duración e maiores de corenta e cinco anos.


ÁREA DE ACTUACIÓN II

Apoio á mellora de proxectos empresariais liderados por mulleres en forma de primas especiais que sirvan de incentivo para afrontar un proxecto de mellora caracterizado pola creación de emprego feminino estable e de calidade e a mellora da competitividade. Beneficiarias:

As empresarias autónomas, microempresas e pequenas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que acrediten o cumprimento das condicións sobre o capital social e a administración da empresa establecidas no punto anterior.

b) Que acrediten actividade empresarial, no mesmo sector para o que se proxecta a mellora, ininterrumpida entre 2 e 5 anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

c) Que non recibisen con anterioridade axuda dos programas Emega para mellora de empresas.

d) Que realicen un investimento mínimo de 6.000 euros segundo a letra A) do anexo III (memoria económica-investimentos), deducido o importe correspondente á provisión de fondos.

e) Que presenten un proxecto de mellora empresarial que supoña a creación, polo menos, dun posto de traballo para unha muller, para o que se exixa capacitación profesional media ou superior e as súas funcións estean vinculadas directamente ás accións do proxecto de mellora.

f) Que o proxecto se materialice a través dalgunha das seguintes accións:

  • Proxectos de desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para a obtención de novos produtos ou procesos ou mellora dos xa existentes.
  • Proxectos de aplicación de novas fórmulas de produción e/ou distribución.
  • Proxectos de diversificación de produción e/ou da oferta de produtos ou servizos no marco da mellora da calidade.
  • Proxectos de reformulación empresarial para a achega ao mercado de produtos e/ou servizos innovadores ou de especial singularidade.

g) Que realicen as actuacións obxecto de subvención e cumpran os demais requisitos e obrigas establecidas.

Axudas:

As axudas destinadas ás beneficiarias da área de actuación II consistirán nunha prima especial ao emprendemento feminino, para a que se fixan as seguintes contías:

a) Contía xeral: prima de 15.000 euros por empresa.

b) Contías específicas:

b.1) Prima de 20.000 euros para as empresas que, ademais do posto exixido no punto e), creen dous ou máis postos de traballo por conta allea de carácter indefinido para mulleres.

b.2) Prima de 25.000 euros para empresas que, ademais do posto exixido no punto e), creen máis de dous postos de traballo por conta allea de carácter indefinido para mulleres e que, polo menos, un deles sexa a tempo completo.

b.3) Prima de 30.000 euros para empresas que, ademais do posto exixido no puntoe), creen máis de dous postos de traballo por conta allea de carácter indefinido a tempo completo para mulleres desempregadas de longa duración e maiores de corenta e cinco anos.

NOTAS:

  • Todos os postos de traballo que se creen para dar cumprimento ao establecido neste artigo teñen que estar cubertos por un período mínimo de cinco anos e computarase desde que se produzan as altas correspondentes no sistema da Seguridade Social ou mutualidades profesionais, en todo caso, estas altas terán lugar como data límite o 31 de outubro de 2011. Para os efectos do disposto neste punto, cando remate un contrato por causa allea á empresa e sempre que se volva a ocupar o dito posto no prazo máximo dun mes, o período mínimo de cinco anos non se considerará interrompido. Para os efectos do cumprimento do requisito de creación de postos de traballo por conta allea non se computarán os contratos de interinidade.
  • Complemento subvencional: o importe da subvención, fixado a través da prima correspondente, poderá incrementarse en 10.000 euros cando a empresa presente un acordo laboral, aprobado polas/os traballadoras/es ou representantes sindicais e vinculante para as partes, para a implantación de novos sistemas de organización que favorezan a conciliación, a non segregación, que supoñan flexibilización horaria e/ou ben que formalice de xeito individual acordos de teletraballo co persoal vinculado á empresa por contrato laboral. En ambos os dous casos os acordos manteranse vixentes durante o período mínimo de permanencia na actividade establecido nas obrigas que deben cumprir as beneficiarias.
  • Para as axudas desta convocatoria establécese o tope específico de 30.000 euros por empresa, incluído o complemento subvencional, tendo en conta que as axudas de ambas as dúas liñas son incompatibles e que dentro de cada liña só se pode ser beneficiaria dunha única prima; todo iso sempre que se respecten os topes xerais de axuda de minimis.

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 18/02/2011

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI429A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial: www.mulleresengalicia.es

b) Os teléfonos 981 54 53 69, 981 54 53 74.

c) O enderezo electrónico igualdade@xunta.es

d) Presencialmente. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderase facer uso do teléfono de información xeral da Secretaría Xeral da Igualdade que é o 981 54 53 51.

INFORMACIÓN completa sobre o exposto e sobre outros aspectos como: memoria, solicitudes, criterios valoración, anexos etc, no texto da convocatoria - formato pdf-