AGESTIC

Xornada sobre financiamento de proxectos de enerxías renovables, eficiencia enerxética, medio ambiente e tecnoloxías de cambio climático

A Axencia Galega de Innovación (GAIN), en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), organiza a xornada “EEA Grants – Financiamento de proxectos empresariais de I+D aplicada: Enerxías renovables, eficiencia enerxética, medio ambiente e tecnoloxías de cambio climático” o vindeiro mércores, 5 de marzo de 2014, de 10 a 12.30h no Centro de Supercomputación de Galicia en Santiago de Compostela.

Tamén está previsto retransmitila por videoconferencia á Coruña, Ferrol e Ourense.

O obxectivo da xornada é dar a coñecer a convocatoria para proxectos de I+D cofinanciados polo Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA Grants) que financia proxectos empresariais de carácter aplicado para a creación e mellora significativa dun proceso produtivo, produto ou servizo no ámbito das enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o cambio climático e as tecnoloxías medioambientais. A suma da convocatoria para España neste ano 2014 ascende a 32,4 millóns de euros.

A xornada terá un carácter eminentemente práctico, podendo manter as empresas que o desexen unha xuntanza bilateral cun representante de CDTI ou da Axencia Galega de Innovación. Pode consultar o programa completo da xornada no seguinte enlace (PDF). Para participar na xornada, precísase inscrición a través do seguinte formulario online. Especifique se está interesado en manter unha reunión bilateral cun técnico de CDTI, para resolver consultas arredor da convocatoria EEA Grants, ou de GAIN, sobre Bonos de Innovación.