AGESTIC

A Xunta porá en marcha unha plataforma de contidos dixitais educativos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe, tras o Consello, a posta en marcha no vindeiro curso 2014-2015 dunha plataforma de contidos dixitais que beneficiará a 22.500 alumnos en tres anos e permitirá un aforro de 4,5 millóns de euros. “No vindeiro curso 2014-2015 imos poñer en marcha unha plataforma de contidos curriculares dixitais completos, é dicir, das materias de todo o curso, gratuítos para as familias e accesibles, sen necesidade de concectividade”, afirmou.

Nun primeiro termo, Feijóo precisou que a plataforma de aprendizaxe virtual contará cun investimento inicial de 3,6 millóns de euros e, nela, os alumnos poderán acceder a contidos curriculares completos e gratuítos facilitados pola Xunta como a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos. Segundo explicou, o proxecto comezará o vindeiro curso 2014-2015 coa incorporación dos primeiros 2.500 alumnos de 5º de primaria e de 1º da ESO e, no curso 2015-2016, a previsión é que a plataforma estea dispoñible en 5º e 6º de primaria e en 1º de ESO, cun alcance de 7.500 alumnos. Así, no terceiro ano, o obxectivo é que sexa empregado por 12.500 alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de ESO, chegando así en 3 anos a un total de 22.500 estudantes.

O responsable do Executivo autonómico explicou que nos vindeiros días publicarase a convocatoria para a selección de centros que participarán voluntariamente na iniciativa. E, neste sentido, subliñou que no procedemento de selección da primeira convocatoria poderán participar os centros educativos adscritos á rede Abalar que impartan no curso 2014-2015 ensinanzas de 5º de educación primaria, e que cumpran requirimentos como contar cunha conexión de datos cunha velocidade nominal mínima de baixada -que variará segundo o número de aulas vinculadas ao proxecto, dos 2 Mbps aos 10 Mbps-, presentar un proxecto do centro para a implantación do libro dixital, ou propoñer unha persoa coordinadora do proxecto.

Feijóo argumentou que a ensinanza dixital supón un cambio de gran relevancia para os docentes, os alumnos e os pais. “Para os docentes -dixo-, posto que significa modificar a forma de ensinar; para os alumnos, porque terán acceso a un sistema educativo máis avanzado e distinto; para os pais, porque supón un aforro de 4,5 millóns de euros tan só nestes 22.500 alumnos; e, por suposto, suporá un cambio para a educación pública porque pasamos do papel ao libro dixital”, observou. A educación pública con este tipo de prantexamentos, agregou, “é unha educación pública que ten moito máis futuro”. Fonte: Xunta de Galicia